Benvidos ao blog da xeración do 2009 ao 2015 da licenciatura de medicina (grupo III) da USC

Este blog servirá sobre todo para notificar avisos ou para recibir queixas sobre problemas que teñan lugar ao longo do curso.

viernes, 6 de mayo de 2011

Medida a tomar (Cambio de día)

Boas

Aínda que non é exactamente o acordado hoxe, decidimos dar un día de marxe ás equipas reitoral e decanal para que respondan ás nosas reivindicacións, pois cremos que o novo argumento exposto (o tema das bolsas do MEC) é de suficiente peso como para que os faga reconsiderar a súa proposta e é "de boa educación" agardar a que che respondan antes de "tirar a porta abaixo" e non facelo podería ser contraproducente nunha posible nova negociación. En ningún momento pretendemos violentar a vontade dos nosos compañeiros e agardamos que esto non vos moleste e entendades os motivos polos que o facemos.

Así, CONVÓCASE CONCENTRACIÓN DE BATAS BRANCAS para o próximo MARTES 10 DE MAIO ás13:00 na FACULTADE DE MEDICINA e partiremos cara o reitorado.

Pregamos que acudades TODOS os estudantes ca vosa BATA e con todo aquelo co que poidades facer ruido (ou música) para facervos escoitar, así como con cartaces con lemas que podedes facer vós mesmos na casa (tamaño folio ou A3 sería suficiente).

Ademais, pregamos que a quen lle sexa posible se sume ás compañeiras que mañá venres pola mañá comezarán a facer no local de estudantes un gran cartaz (ou mais) para encabezar a concentración.

Segundo o discorrer dos feitos, esta concentración é susceptible de repetirse en días posteriores, incluso incorporando ás protestas aquelas iniciativas que poidades aportar.

Manterémosvos informados con todas as novidades.

Un saúdo, ALEM

Comunicado

A Asemblea Libre de Estudante de Medicina (ALEM), en representación do estudantado da
Facultade de Medicina da USC reunido en asemblea o día 5 de maio de 2011, decidiu POÑER
NO SEU COÑECEMENTO AS SEGUINTES CONSIDERACIÓNS:

Como vostede xa é coñecedor, os estudantes hai xa semanas que presentamos á equipa
decanal a nosa proposta de organización da docencia para o segundo ciclo da licenciatura
que inclúe a descentralización dunha parte da docencia práctica, ou da súa totalidade se o
estudante así o desexa, ós complexos hospitalarios da Coruña e Vigo para todos os estudantes e
a outros complexos hospitalarios se os estudantes o solicitasen. Pola contra, cremos que a
docencia teórica se debe impartir unicamente en Santiago de Compostela, mantendo así a
homoxeneidade na formación e avaliación para todos os estudantes, sen que isto supoña unha
oposición á incorporación de novos docentes provenientes doutros complexos hospitalarios, os
cales poderían iniciar igualmente carreira docente na USC impartindo a docencia teórica en
Santiago de Compostela.

Como resposta á nosa proposta o que se nos propuxo foi que os estudantes concentrasen
toda a docencia teórica no 4º e 5º cursos e case toda a docencia clínica (prácticas) no 6º
curso para así poder realizar un curso unicamente práctico similar ó rotatorio da
titulación de grao que xa se está a implantar e que podería realizarse en calquera dos
hospitais habilitados para a realización de prácticas clínicas. Ademais, aproveitando esta
reorganización de contidos, o estudante que así o desexase podería adaptarse ó grao e rematar a
súa formación como graduado e máster, cas posibles vantaxes que isto suporía.
Como mostra de boa vontade, os representantes de estudantes estudamos esta proposta e
buscamos polo miúdo vantaxes e inconvenientes da proposta e incluso tentamos introducirlle
melloras que puidesen facela mais atractiva á hora de presentarlla ós nosos compañeiros. Unha
vez exposta con todo detalle esta reestructuración ós compañeiros, os estudantes entenderon
unanimemente que é INASUMIBLE pola nosa parte polos motivos, entre outros que
vostede xa coñece da man dos representantes de estudantes, que se especifican a continuación:

- A desmesurada carga de contidos que supón comprimir toda a teoría de 3 cursos en
so 2, tendo en conta a gran dificultade e importancia das materias en cuestión.

- A redistribución da maioría da carga de créditos no 6º curso non permitiría ós
estudantes obter unha bolsa do Ministerio de Educación ó non alcanzar no 4º e 5º
cursos o mínimo de créditos matriculados esixidos para ser bolseiro.

Unha vez exposta a clara postura do estudantado en oposición á proposta defendida polas
equipas decanal e reitoral, queremos facerlle saber que mantemos a nosa proposta de
organización da docencia como a única alternativa ó actual sistema e que pode ser
aplicada a todos os cursos, sendo a nosa unha opción que require do esforzo de todas as
partes implicadas pero que supón unha mellora da situación actual, que non agrada a ningunha
das partes.

En consideración a todo o exposto anteriormente, solicitamos unha nova reunión entre
representantes de estudantes, equipa decanal e equipa reitoral o próximo luns 9 de maio
de 2011 para a achega de posturas, que de non producirse desencadearía o inicio inmediato das
accións que consideremos necesarias e axeitadas, incluíndo a posta en coñecemento de toda a
sociedade da situación na que estamos inmersos.

En Santiago de Compostela, a 6 de maio de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario